O Concello de Oleiros denuncia que a Xunta segue sen reparar o acceso á vía Ártabra desde Arillo

ACoruñaXa
O Goberno local critica que a única actuación da Xunta foi colocar unha sinal de perigo na estrada Manuel Pardo de Andrade
oleiros-arillo
11 Jul 2025

O Concello de Oleiros volve reclamar á Xunta de Galicia a reparación urxente do acceso á vía Ártabra desde Arillo, concretamente na estrada Manuel Pardo de Andrade, situada en Dorneda. Segundo denuncia o Goberno local, “a Xunta, en vez de reparar o pavimento da rúa Manuel Pardo de Andrade, colocou unha sinal de perigo polo lamentable estado no que se atopa o firme da calzada”.

A administración municipal lembra que hai máis dun ano que solicitou formalmente o acondicionamento desta vía, de titularidade autonómica, que se atopa “totalmente abandonada” e presenta un forte deterioro do firme. Ademais, subliñan que esta estrada carece de beirarrúas, carril bici e mesmo arcéns, o que representa un risco evidente tanto para os vehículos como para as persoas que transitan pola zona.

Desde o Concello insisten na gravidade da situación, ao tratarse dun dos accesos principais á vía Ártabra, e anuncian novas accións para esixir unha resposta inmediata por parte da Xunta: “o Concello volverá dirixirse á Consellería de Infraestruturas para que se proceda de inmediato ao asfaltado desta estrada situada en Dorneda”.

O Goberno local considera insuficiente a mera sinalización do perigo e reclama unha intervención inmediata que garanta a seguridade viaria nesta infraestrutura clave para o tráfico da zona.

⚙ Configurar cookies
0.15372109413147