O Concello de Oleiros denuncia que a Xunta ignora as súas demandas para mellorar o transporte público

ACoruñaXa
Desde o Concello anuncian que continuarán a loitar para que se atenda unha demanda que consideran esencial
concello-oleiros
1 Jul 2025

A reunión celebrada entre a Xunta de Galicia e os concellos da comarca da Coruña sobre o transporte público rematou cunha negativa rotunda ás peticións formuladas polo Concello de Oleiros. Segundo informou a Directora Xeral de Mobilidade, ningunha das propostas presentadas polo goberno local será atendida.

O Concello de Oleiros leva meses reclamando melloras urxentes no servizo, que considera imprescindible para dar resposta ás necesidades reais da veciñanza. En novembro pasado, o executivo municipal presentara unha serie de propostas, entre as que destacaban o incremento da frecuencia da liña B-1 e a súa prolongación ata a Igrexa de Nós, unha parroquia de 5.000 habitantes que actualmente carece de servizo de autobús.

Outras solicitudes incluían a creación de novas rutas para conectar zonas como Franzomel, Abeleiras e Xaz, así como unha liña circular entre Perillo e a Universidade que operase nos horarios de entrada e saída das clases. Tamén se pedía o reforzo das principais liñas en horas punta, como a B9 —que cobre parroquias como Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo— e a B3, que conecta Oleiros, Montrove e Perillo e que, segundo o Concello, debería reducir a súa frecuencia dos 40 minutos actuais a 20 nos momentos de maior demanda.

En vista das necesidades futuras, o Concello solicitara ademais un estudo para valorar a creación de liñas que unisen os principais núcleos de poboación con polígonos industriais, centros médicos e localidades doutros municipios, así como un sistema máis flexible e adaptado a períodos de maior movemento, como épocas comerciais ou de lecer.

A resposta negativa da Xunta xerou un forte malestar no goberno local. O alcalde, Ángel García Seoane, foi contundente na súa valoración: “Parécenos un insulto e unha tomadura de pelo total. Está claro que o transporte impórtalles un bledo. Preocúpalles máis defender o lucro das empresas concesionarias que os intereses da cidadanía. Nós seguiremos denunciando estes feitos ata que se logre un servizo digno”, manifestou.

Desde o Concello, anuncian que continuarán a loitar para que se atenda unha demanda que consideran esencial para a calidade de vida e a mobilidade da veciñanza de Oleiros.

⚙ Configurar cookies
0.16940808296204