O Concello de Oleiros denuncia problemas no transporte público comarcal

O Concello de Oleiros denuncia “os constantes problemas e incidencias” que padecen a diario os veciños “polo pésimo servizo de transporte público existente na comarca da Coruña”. Dende o Goberno municipal advirten de que “son moitas” as queixas recibidas polas persoas usuarias, que denuncian que “os buses van cargados en horas punta, quedando xente nas paradas sen poder montar, impuntualidades ou buses que non pasan”.
Lembran que o transporte comarcal en concellos de menos de 50.000 habitantes é competencia da Xunta de Galicia, e que dende o Concello xa reclamaron por escrito ao Goberno galego diversas melloras para o transporte público que din, continúan sen ser atendidas.
Entre outras, o Concello demanda prolongar a liña Entrexardíns-O Seixal ata a Igrexa de Nós; implementar novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; crear unha liña circular entre Perillo e a Universidade; e reforzar as liñas principais, cando menos en horas punta: as que cubren Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perill; e a de Oleiros, Montrove e Perillo.
O luns da próxima semana, explican, está prevista unha reunión entre Xunta e Concello, e advirten de que “no caso de que o Goberno autonómico persista na súa actitude de ignorar o clamor cidadán para que se mellore o transporte na comarca coruñesa, desde Oleiros farase un chamamento a todos os concellos para organizar unha mobilización conxunta na que esixir á Xunta de Galicia que cumpra coas súas obrigas en materia de transporte”.