O Concello de Oleiros continúa coas melloras nas escolas infantís dos Regos e As Galeras

O Concello de Oleiros segue a avanzar na modernización das escolas infantís do municipio e está a levar a cabo durante o verán novas obras de mellora nos centros dos Regos (A Pardela) e As Galeras. O obxectivo é minimizar o impacto das actuacións na actividade lectiva e garantir espazos máis seguros, eficientes e confortables para o alumnado máis novo.
Na escola infantil A Pardela, situada nos Regos, estase a executar a segunda e última fase dunha reforma integral iniciada o pasado verán. O investimento total ascende a 427.754,75 euros, dos cales 288.597,18 corresponden á fase actual. Esta etapa inclúe a substitución do chan por pavimento vinílico de alta resistencia —que tamén se aplicará nas paredes ata un metro de altura por seguridade—, a reforma completa dos baños das aulas, a renovación da carpintería interior e dos armarios, a instalación de novos falsos teitos, a modernización da cociña e da instalación térmica, e a mellora do revestimento exterior da plataforma perimetral.
Pola súa banda, na escola infantil das Galeras tamén se están realizando melloras co obxectivo de actualizar os espazos interiores. Cun investimento de 99.578,14 euros, acometerase a substitución do pavimento por vinílico e instalaranse elementos de protección nas esquinas interiores do edificio.
O Concello de Oleiros asume con fondos propios o custo total destas actuacións, a pesar de que, como centros integrados na rede autonómica A Galiña Azul, correspondería á Xunta de Galicia levar a cabo estas intervencións. Desde o goberno local denuncian a falta de resposta da administración autonómica, a pesar das numerosas solicitudes realizadas, e consideran que o estado de deterioro dos centros facía urxente esta intervención.