O Concello de Oleiros chama á cidadanía a denunciar o "pésimo" servizo de transporte público

ACoruñaXa
A administración local lembra que as competencias en transporte público corresponden á Xunta e insiste na necesidade de melloras urxentes
Imaxe do BNG na comparecencia sobre o transporte inter-urbano entre Sada, Oleiros e A Coruña
15 Jul 2025

O Concello de Oleiros fai un chamamento a toda a cidadanía afectada polo deficiente servizo de transporte público na comarca da Coruña para que presenten denuncias directamente ante a Xunta de Galicia, facilitando o correo mobilidade.cim@xunta.gal e o teléfono 981 544 581 como vías de contacto.

Desde novembro pasado, o goberno local solicitou diversas melloras que ata o momento foron rexeitadas pola Xunta. Entre as demandas destaca a mellora das frecuencias da liña Entrexardíns-O Seixal e a súa prolongación ata a Igrexa de Nós, que actualmente carece de servizo, a creación de novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz, así como unha liña circular entre Perillo e a Universidade nos horarios de entrada e saída das aulas.

Ademais, reclamouse reforzar as liñas principais nas horas punta, especialmente as que cobren as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo, e a liña que conecta Oleiros, Montrove e Perillo, que debería reducir a súa frecuencia de 40 a 20 minutos nas franxas de maior demanda.

Desde o Concello lembran que, nos municipios de menos de 50.000 habitantes, as competencias en materia de transporte público son exclusivas da Xunta de Galicia, polo que urxe unha actuación efectiva para solucionar os problemas de tráfico e mobilidade que afectan á comarca.

⚙ Configurar cookies
0.15461802482605