O Concello de Oleiros avoga por declarar Festa de Interese Turístico para Alfaroleiros

ACoruñaXa
Destaca a relevancia desta feira centrada na conservación e difusión do oficio artesanal da olería
Obradoiro-e-Feira-Sábado---027
18 Feb 2025

O Goberno municipal de Oleiros aprobará no próximo pleno o acordo necesario para que a Xunta de Galicia poida proceder coa declaración de Festa de Interese Turístico para Alfaroleiros. Este recoñecemento busca poñer en valor a importancia deste evento, que se converteu nun referente cultural e turístico no municipio.

Alfaroleiros é unha das festas máis significativas e emblemáticas de Oleiros, destacando pola súa mestura de cultura, identidade, etnografía, creatividade e dinamismo económico. A feira, centrada na conservación e difusión do oficio artesanal da olería, é unha das máis importantes a nivel nacional, promovendo a cultura galega e dinamizando o sector artesanal do país.

Este evento cultural convértese cada ano nun dos principais motores da oferta turística e cultural do municipio, contribuíndo á preservación da identidade local e xerando un impacto directo na economía da zona, especialmente no comercio e a hostalaría. Durante os cinco días de celebración, Santa Cruz vese tomada por milleiros de visitantes que acoden non só para admirar e mercar as pezas dos mellores oleiros de toda España, senón tamén para gozar dos espectáculos lúdicos que teñen lugar ao longo da feira.

En definitiva, Alfaroleiros xoga un papel clave na promoción cultural, turística e económica de Oleiros, facendo desta festa unha das máis destacadas da súa contorna.

0.16637206077576