O Concello de Oleiros abre o prazo de inscrición para o XXXV Tríatlon en Mera

ACoruñaXa
Con tres décadas de traxectoria consolidouse como unha cita destacada no calendario deportivo
triatlon-oleiros
21 Apr 2025

O Concello de Oleiros vén de abrir o prazo de inscrición para participar no XXXV Tríatlon de Oleiros, unha das probas deportivas máis emblemáticas do municipio, que este ano se celebrará o sábado 24 de maio ás 16.00 horas na localidade de Mera.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición entre o luns 21 de abril e o luns 19 de maio a través da páxina web municipal, onde xa está dispoñible o formulario correspondente.

A competición está aberta a deportistas federados na Federación Galega de Tríatlon, así como a participantes que opten por realizar a licenza dun día, o que permite a incorporación de novos atletas que queiran estrearse neste tipo de eventos.

En canto ao percorrido, manterase o formato habitual de distancia sprint, con 750 metros de natación, 21 quilómetros en bicicleta e 5,5 quilómetros de carreira a pé, un desafío accesible para triatletas con diferentes niveis de experiencia, pero igualmente esixente.

Con tres décadas de traxectoria, o tríatlon de Oleiros consolidouse como unha cita destacada no calendario deportivo galego, tanto pola beleza do entorno costeiro de Mera como pola excelente organización e acollida por parte da veciñanza.

 

⚙ Configurar cookies
0.14230799674988