O Concello de Miño ten todo listo para celebrar a XXIV Feira da Cebola Chata

Este domingo, 3 de agosto, o Concello de Miño acollerá unha nova edición da Feira da Cebola Chata de Miño, que chega xa á súa vixésimo cuarta edición, converténdose nun dos eventos gastronómicos e culturais máis destacados da comarca.
A festa comezará ás 10.00 horas da mañá coa apertura do mercado tradicional, onde os visitantes poderán atopar cebola chata de Miño, hortalizas, froitas e unha ampla variedade de produtos no mercado de artesanía.
A xornada estará cargada de actividades para todos os públicos. Ás 10.30 horas abrirase ao público a exposición “Chata de Miño: da semente á restra”, unha viaxe visual polo proceso de cultivo desta variedade autóctona da man de Moriam Grimes.
Os máis pequenos tamén terán o seu espazo con obradoiros infantís na carpa pequena tanto ás 11.00 horas como ás 18.00 horas.
A partir das 11.30 horas, o grupo Brincadeira, especializado en baile e música tradicionais, ofrecerá o espectáculo “Bailando na Rúa”, que percorrerá as rúas ata chegar á carpa principal para animar co seu repertorio de cantos, xogos e danzas populares.
Xa ao mediodía, ás 13.15 horas, haberá degustacións gratuítas de pratos elaborados con cebola chata, como escabeche con mexillóns e a harmonía con viños da IXP Terra de Betanzos, pertencente á Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Para acceder a estas degustacións será preciso recoller previamente un ticket no punto de venda do Concello.
A música continuará coa actuación de Gin Toni’s durante a sesión vermú ás 13.30 horas, mentres que os asistentes poderán gozar dun xantar a base de navallas e churrasco, servido pola A.D. Miño, que tamén será a encargada da cea.
Pola tarde, ás 19.00 horas, haberá unha visita guiada á exposición “Chata de Miño: da semente á restra” e ás 19.30 horasvenderanse racións de empanadas variadas feitas con cebola chata no posto do Concello.
O día pecharase por todo o alto ás 21.00 horas coas actuacións musicais de Miguelón, José Brea e Pulpiño Viascón, poñendo o broche final a unha xornada chea de tradición, sabor e festa.