O Concello de Miño saca a concurso cinco postos de tempada en dúas das súas praias

O Concello de Miño vén de abrir un novo proceso de licitación para cinco postos de tempada situados nas praias da Ribeira e Praia Grande, coa intención de que todos estean operativos durante a campaña estival.
En concreto, trátase dun quiosco na praia da Ribeira e, na Praia Grande, doutro quiosco, un posto de comida, un posto de alugueiro de hamacas e a escola de surf. Estes postos xa foran ofertados no verán pasado, pero ao quedar desertos, o goberno local decidiu volver sacalos a concurso para animar a participación de profesionais interesados.
Os prezos base de licitación varían segundo o tipo de servizo. O quiosco da praia da Ribeira parte dos 500 euros anuais, mentres que o da Praia Grande ascende a 1.500 euros. O posto de comida ten un canon de 900 euros, igual que o da escola de surf, e o de hamacas establece un prezo base de 500 euros.
O prazo para presentar as ofertas estará aberto ata o vindeiro 21 de abril. As persoas interesadas deben formalizar a súa solicitude a través do Rexistro Municipal, cumprindo coas condicións recollidas nas bases da convocatoria, dispoñibles na sede electrónica do Concello de Miño.
Con esta medida, o executivo local busca dinamizar o servizo nas praias e garantir unha oferta variada para veciñanza e visitantes durante o verán.