O Concello de Miño presenta un orzamento récord de máis de 10,5 millóns de euros para 2025

ACoruñaXa
Este orzamento supón un incremento de case o 30 % respecto aos 8,2 millóns de euros de 2024
minho-orzamentos
5 Apr 2025

O Concello de Miño levará ao pleno da próxima semana a aprobación dun novo orzamento municipal que ascende a 10.539.559 euros, a cifra máis alta da historia do municipio. Este orzamento supón un incremento de case o 30 % respecto aos 8,2 millóns de euros de 2024 e consolida a tendencia de crecemento que vén marcando os últimos anos.

A evolución económica do Concello é especialmente salientable se se ten en conta que en 2014 o orzamento apenas superaba os 5 millóns de euros. A partir de 2017 iniciouse unha senda ascendente que permitiu superar por primeira vez a barreira dos 10 millóns en 2022. Tras unha lixeira redución en 2024, o exercicio 2025 non só recupera ese teito, senón que o supera amplamente.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, destacou a importancia desta cifra: “Este orzamento é o reflexo dunha xestión responsable e ambiciosa. Permítenos investir en infraestruturas, mellorar servizos esenciais e responder ás necesidades reais da veciñanza. Pasamos dun concello con dificultades económicas a un que agora pode afrontar proxectos clave sen hipotecar o futuro”.

Aumento de ingresos e máis investimentos

O incremento de 2,3 millóns de euros respecto ao orzamento anterior explícase por catro factores principais. En primeiro lugar, destaca a concesión dun novo préstamo aprobado polo Ministerio de Facenda para facer fronte ao pagamento de sentenzas derivadas das expropiacións de FADESA, que supón 1 millón de euros. En segundo lugar, prodúcese un aumento da recadación por impostos e taxas como consecuencia da maior actividade económica no municipio, así como pola eliminación da bonificación do IBI da AP-9, que se traduce nun incremento de 500.000 euros. En terceiro lugar, o Concello percibirá 500.000 euros máis procedentes de subvencións de capital, especialmente dos Fondos Next Generation destinados á nova escola infantil de Xarío e do Plan Único 2024 da Deputación da Coruña. Finalmente, o incremento das transferencias correntes do Estado e da financiación vinculada ao aumento de horas do Servizo de Axuda no Fogar achegarán 300.000 euros adicionais.

Estes recursos permitirán cubrir o aumento do gasto corrente, que se incrementa en 1,4 millóns de euros con respecto ao ano anterior. Este incremento débese, principalmente, á nova contratación do Servizo de Axuda no Fogar, á mellora do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes, cun custo conxunto de 800.000 euros, e ao pagamento do crédito principal derivado das sentenzas de FADESA, que supón 600.000 euros.

O capítulo de investimentos reais ascende a 842.753,74 euros e inclúe actuacións relevantes en varios ámbitos. Entre as principais, atópase o acondicionamento da praza en A Fonte, a renovación do parque infantil de Bemantes e os traballos de mellora ambiental e paisaxística na praia da Ribeira. Tamén se contempla a reforma e ampliación da antiga escola unitaria de Xarío, coa finalidade de transformala nunha nova escola infantil.

Ademais, inclúense investimentos en pavimentación de camiños, mellora da rede de saneamento e abastecemento, así como na renovación do sistema de iluminación pública en diversas zonas do municipio.

O Goberno local mantén o seu compromiso coa redución progresiva da débeda herdada e coa optimización dos recursos municipais. O alcalde salientou que "non só estamos garantindo o presente de Miño, senón tamén o seu futuro", facendo fincapé na estabilidade económica como base para continuar transformando o municipio. O orzamento para 2025 sitúa a Miño nunha posición privilexiada para afrontar os retos do futuro con solvencia e visión de país.

⚙ Configurar cookies
0.31094002723694