O Concello de Miño organiza o campamento de Semana Santa 'Vacacións en Movemento'

O Concello de Miño pon en marcha o campamento de Semana Santa 'Vacacións en Movemento', unha iniciativa gratuíta dirixida a nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2021, ambos incluídos. A actividade está destinada a menores empadroados en Miño ou fillos e fillas de proxenitores que traballen na localidade.
O campamento desenvolverase os días luns, martes e mércores de Semana Santa, en horario de 8.00 a 14.00 horas, e ofrecerá unha ampla programación de actividades creativas e deportivas. As propostas de carácter artístico e creativo terán lugar no Centro Social de A Rúa, mentres que as dinámicas e actividades deportivas se realizarán nas pistas de A Galea.
As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Municipal ou a través da sede electrónica do Concello. O prazo de preinscrición abrirase este xoves 20 de marzo ás 9.00 horas e pechará o martes 1 de abril.
Esta iniciativa, promovida polo Concello de Miño en colaboración coa Xunta de Galicia e o Goberno de España, forma parte do programa 'Corresponsables', que busca facilitar a conciliación familiar e fomentar a igualdade. Ademais, enmárcase nos proxectos 'Deporte en Camiño' e 'Igualdade en Camiño', promovendo hábitos de vida saudable e valores de equidade entre a infancia.