O Concello de Miño mellora os parques infantís para garantir espazos seguros e accesibles

O Concello de Miño continúa co seu compromiso de mellora e renovación dos espazos públicos destinados á infancia. No marco do Plan de Mellora e Renovación de Parques Infantís, esta semana realizouse a mellora do parque infantil do patio do colexio CPI Castro Baxoi, unha actuación que atende as demandas da comunidade escolar e garante un espazo máis seguro e axeitado para os nenos e nenas do centro.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, salientou a importancia desta intervención e destacou que o obxectivo do goberno municipal é que os máis pequenos poidan gozar de áreas de xogo modernas, seguras e accesibles. Ademais, subliñou que atender as demandas da comunidade escolar e mellorar as súas instalacións é unha prioridade para o Concello.
Nas próximas semanas procederase á licitación da renovación completa dos parques infantís de Bemantes, tanto o situado no centro social como o da escola unitaria. O rexedor afirmou que seguirán traballando para mellorar os parques e espazos públicos, dotándoos de infraestruturas de calidade que favorezan o benestar e o desenvolvemento da infancia.