O Concello de Miño licita o contrato do Servizo de Axuda no Fogar

ACoruñaXa
Na actualidade, este servizo atende a 75 persoas, unha cifra que se mantén estable desde o ano 2019
Imaxe do Concello de Miño
8 Feb 2025

O Concello de Miño vén de abrir o proceso de licitación para a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun orzamento base de 1.015.000 euros e unha duración inicial dun ano, prorrogable por dous anos adicionais.

O obxectivo principal deste contrato é garantir unha atención integral ás persoas en situación de dependencia e a aquelas que precisen asistencia nos seus fogares. O servizo municipal, de carácter público, busca mellorar a calidade de vida dos usuarios, fomentar a súa autonomía e reforzar a súa inclusión social, permitindo que poidan permanecer no seu contorno habitual. Na actualidade, este servizo atende a 75 persoas, unha cifra que se mantén estable desde o ano 2019, cando o número de beneficiarios rondaba os 70.

O SAF de Miño ofrecerá atencións de carácter persoal, doméstico e psicosocial, incluíndo axuda para a hixiene persoal, control da alimentación, apoio á mobilidade, limpeza do fogar, acompañamento e actividades destinadas a mellorar a integración social dos beneficiarios. Ademais, o contrato contempla a posibilidade de incluír servizos complementarios como podoloxía, fisioterapia e teleasistencia.

A empresa que resulte adxudicataria estará obrigada a cumprir os estándares de calidade e a normativa vixente, garantindo unha planificación e seguimento adecuados para cada usuario. Tamén se esixirá que o equipo profesional conte cunha formación específica en atención sociosanitaria.

Con esta licitación, o Concello de Miño reafirma o seu compromiso co benestar da súa cidadanía, impulsando un servizo esencial para a poboación máis vulnerable do municipio. O obxectivo é garantir unha atención de calidade, adaptada ás necesidades de cada usuario e favorecendo o seu desenvolvemento persoal.

0.16272592544556