O Concello de Miño impulsa axudas para becas de comedor e material escolar para o curso 2024/2025

ACoruñaXa
As persoas interesadas poderán presentar solicitudes no Rexistro do Concello ata o 30 de xuño
Imaxe recurso de estudantes
17 Jun 2024

O goberno local de Miño reafirma o seu compromiso coas familias do municipio lanzando unha nova convocatoria de bolsas de comedor e axudas para adquirir material escolar para o curso 2024/2025. Tal e como se especifica nas bases, dispoñibles na páxina web municipal, o prazo de solicitude estará aberto ata o 30 de xuño.

As bolsas comedor poderán solicitalas as persoas empadroadas, que conten cunha residencia efectiva no municipio e que convivan co menor para quen se pide a axuda. Os nenos/as terán que estar escolarizados nalgún dos cursos do 2º ciclo de educación Infantil (de 3 a 5 anos), Primaria ou Secundaria (de 6 a 16 anos) do CPI Castro Baxoi. En canto á renda per cápita máxima para optar a estas axudas, esta fíxase nos 17.999,88 euros anuais. A dotación económica aumentouse en 7.000 euros con respecto á convocatoria anterior co fin de cubrir o aumento de demanda.

As axudas de adquisición de material escolar poderán pedilas as familias con fillos matriculados en educación infantil nos centros de ensino público de Miño e/o en bacharelato. Neste caso, a renda máxima fíxase en 9.000 euros.

Todas as solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello xunto á documentación esixida nas bases ata o próximo 30 de xuño. Para máis información e consultas está habilitado o número 981 782 006.

0.16017603874207