O Concello de Miño celebra que a Praia Grande volva ter Bandeira Azul nove anos despois

ACoruñaXa
Con esta recuperación, Miño suma tres praias con Bandeira Azul en 2025: Praia Grande, Perbes e A Ribeira
minho-praia-grande
8 May 2025

O Concello de Miño recupera a distinción de Bandeira Azul para a Praia Grande, un distintivo de calidade que o areal perdera no ano 2016 e que este verán volverá ondear. Celebra así este acontecemento, froito de anos de traballo, compromiso institucional e colaboración entre administracións.

As augas da Praia Grande, unha das praias máis concorridas do municipio, acadaron unha cualificación de “excelente”, o que lle permitiu reincorporarse á listaxe de areais galardoados con este símbolo de calidade ambiental, seguridade, accesibilidade e servizos.

Con esta recuperación, Miño suma tres praias con Bandeira Azul en 2025: Praia Grande, Perbes e A Ribeira, situándose entre os concellos da provincia con máis distintivos, só por detrás da Coruña, Ferrol, Arteixo e Oleiros.

Este recoñecemento súmase tamén á concesión de tres distincións de Sendeiros Azuis para: a Senda dos Sentidos, a Fraga do Xarío e as Marismas do Baxoi, consolidando ao municipio como un destino que aposta pola calidade ambiental e a posta en valor do entorno natural.

Desde Goberno local quixeron destacar e agradecer a implicación de entidades como a Demarcación de Costas, que apostou fortemente a través de actuacións de vital importancia como a recuperación do espazo dunar, entre outras, así como a Augas de Galicia, a Confraría de Pescadores e Mariscadores e a todo o persoal municipal que fixo posible este logro.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, subliñou que “este recoñecemento non só é importante a nivel turístico, senón tamén social e simbolicamente, porque reflicte un longo esforzo colectivo por coidar e recuperar este distintivo para un espazo natural de referencia no noso municipio”.

 

⚙ Configurar cookies
0.16367411613464