O Concello de Miño avalía o seu Plan de Igualdade cun 88 % das medidas executadas

O Concello de Miño publicou os resultados da avaliación intermedia do seu Plan de Igualdade de Oportunidade entre Mulleres e Homes, constatando que, desde a súa entrada en vigor en 2021, executáronse total ou parcialmente o 88 % das 42 medidas previstas.
Os obxectivos desta avaliación intermedia son verificar o grao de execución das medidas incluídas no plan, así como analizar o cumprimento dos obxectivos fixados. Este proceso serve como paso previo para a creación do novo plan, que ampliará os obxectivos actuais e estará vixente no período 2026-2030.
As conclusións extraídas indican que se están acadando os obxectivos previstos, con moitas das medidas en execución continua. Entre elas destacan as actividades de sensibilización, a celebración de datas conmemorativas, a organización de obradoiros, a posta en valor de figuras femininas, a aplicación da perspectiva de xénero de maneira transversal nas distintas áreas municipais, a difusión en redes sociais de información sobre conciliación, entre outras.
Ademais, sinalouse que algunhas medidas permanecen sen executar ou foron implantadas de forma parcial. Estas accións serán prioritarias ata a finalización do actual Plan de Igualdade, co obxectivo de garantir a súa completa aplicación e desenvolvemento. Entre elas atópanse a colaboración e coordinación con entidades externas para a prevención e loita contra a violencia de xénero, a avaliación do plan cunha periodicidade semestral ou a elaboración dun manual para o uso de linguaxe non sexista.
A concelleira de Igualdade e tenente de alcalde, Catalina Morado, destacou que "os resultados desta avaliación amosan o intenso traballo a prol da igualdade que levamos facendo nos últimos anos" e lembrou que "Miño non contaba con este plan ata o 2021".