O Concello de Miño ampliará a cuberta do campo municipal de Gallamonde cun investimento de máis de 62.000 euros

ACoruñaXa
O proxecto, xa en licitación, responde ás demandas da AD Miño e do público que acode aos partidos
MIÑO campo gallamonde
31 Oct 2025

O Concello de Miño impulsará unha actuación integral no campo municipal de Gallamonde cun orzamento superior aos 62.000 euros, recentemente posto a licitación. O obxectivo é mellorar o confort e a protección das persoas asistentes fronte á choiva e o vento, ao tempo que se avanza na modernización dunha instalación moi utilizada pola AD Miño e pola veciñanza.

A intervención prevé a execución de novas cubertas nas zonas norte e sur da bancada e a instalación dunha viseira que ampliará a superficie resgardada. Xunto con isto, contemplase a mellora da iluminación baixo cuberta, para garantir unha visibilidade máis homoxénea e segura nas horas con peores condicións de luz. Tamén se actuará na recollida de augas pluviais, optimizando o drenaxe da estrutura para evitar filtracións e alongar a vida útil da grada.

O proxecto inclúe ademais a colocación de asentos en toda a grada, o que permitirá ordenar o aforo e incrementar a comodidade durante os encontros. Trátase dunha demanda histórica do club e do público que segue os partidos, que ven nesta intervención un paso adiante para facer de Gallamonde un recinto máis acolledor e funcional.

Co inicio do proceso de contratación, o Concello marca a folla de ruta para que a obra poida executarse en canto quede adxudicada. Unha vez completadas, as melloras terán un impacto directo na experiencia das persoas usuarias e reforzarán a práctica deportiva no municipio, cun equipamento á altura da actividade que acolle.

⚙ Configurar cookies
0.076679944992065