O Concello de Miño amplía ata 2060 o prazo para pagar a súa débeda grazas ao apoio do Goberno

O Concello de Miño logrou unha nova ampliación no prazo para o pago da súa débeda municipal, que agora se estende ata o ano 2060. Esta medida foi aprobada pola Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos (CDGAE) no marco dunha revisión das condicións financeiras das operacións pendentes co Fondo de Financiación a Entidades Locais, coa finalidade de garantir unha maior sustentabilidade financeira para o municipio.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, reuniuse coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para analizar os detalles desta resolución. O rexedor definiu esta medida como “clave para o futuro de Miño” e salientou “a importancia desta resolución á hora de asegurar a estabilidade económica do municipio e para xestionar os compromisos financeiros con maior flexibilidade”. Tamén destacou “a estreita cooperación do Goberno central, que sempre amosou para permitir que Miño conte cun maior marxe de manobra financeira, garantindo así a amortización da débeda sen prexudicar a prestación de servizos á cidadanía”.
A solicitude do Concello para incorporarse a esta medida foi admitida, polo que os vencementos correspondentes aos meses de xuño a outubro de 2025 se deslocalizarán ata o 30 de decembro dese mesmo ano, sen que isto implique recargas ou demoras financeiras.
Esta decisión súmase á anterior acordada en novembro de 2023, cando o Concello xa ampliara o prazo de amortización da súa débeda, que ascende a 19 millóns de euros, ata o ano 2050, reducindo as cotas anuais ao 50 %. Coa nova resolución, Miño disporá de dez anos máis para abonar esta débeda.
A subdelegada do Goberno, María Rivas, destacou que “con medidas coma esta, o Goberno de España demostra unha vez máis o seu compromiso co municipalismo e coa estabilidade financeira dos concellos”. Engadiu que, no caso de Miño, “falamos dunha actuación que non só facilita o cumprimento das obrigas financeiras, senón que tamén libera recursos para investir no que realmente importa: os servizos públicos e o benestar da veciñanza”.