O Concello de Miño actúa na praia da Ribeira para rehabilitar e mellorar a súa contorna natural

ACoruñaXa
O proxecto realizarase a través de accións de limpeza, rexeneración ambiental e medidas correctoras
20250303_belen-minho_021
3 Mar 2025

O Concello de Miño e a Xunta de Galicia levan a cabo a recuperación, rehabilitación do patrimonio natural e cultural da praia da Ribeira de Miño. Visitou a zona a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Pilar Arias, na que o Concello levará a cabo a recuperación dunha parte da Senda dos Sentidos. O proxecto, que se executará este ano na praia da Ribeira, contará cunha axuda da Xunta de 30.000 euros.

A actuación, que abarcará 1 quilómetro de extensión, busca rehabilitar e mellorar a contorna natural da zona sur da praia da Ribeira, afrontando problemáticas como a presenza de especies exóticas invasoras, o uso indebido do espazo e o impacto visual de infraestruturas. A través de accións de limpeza, rexeneración ambiental e medidas correctoras, preténdese transformar este espazo degradado nunha área natural revitalizada e sostible, fomentando a conservación da biodiversidade e a compatibilidade co uso público.

Os traballos incluirán a limpeza da zona, o tratamento da canalización de auga, a ocultación do tubo de saída da EDAR, a retirada de especies exóticas invasoras, a rexeneración ambiental do noiro e a plantación de especies autóctonas para a recuperación da vexetación característica. Tamén se construirá un murete de mampostería seca para delimitar e protexer a vexetación, instalaranse elementos de madeira disuasorios e colocaranse sinais informativas sobre a vida silvestre do espazo natural.

Belén do Campo destacou que estas axudas do Goberno galego, cun total de 1,8 millóns de euros, están destinadas a preservar as reservas da biosfera de Galicia e a financiar actuacións, estudos e investimentos en concellos situados nesas áreas. No caso da Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ademais de Miño, tamén resultaron beneficiarios Carral, Oleiros, Paderne, Arteixo, Bergondo e Oza-Cesuras, cun importe global de case 165.000 euros.

A delegada explicou que as subvencións se destinan a proxectos de conservación, restauración e mellora da biodiversidade, conectividade ecolóxica, recuperación de elementos patrimoniais e creación ou mellora de infraestruturas de xestión e ordenación de usos recreativos.

Durante a visita, Belén do Campo tamén comprobou os resultados de dúas actuacións previas na Senda dos Sentidos, executadas con axudas da Xunta dentro da orde para preservar e mellorar as zonas da Rede Natura. Cunha axuda de 20.000 euros, levouse a cabo a recuperación do trazado da senda entre a praia da Ribeira e a Ponte do Porco, mellorando a transición entre o ecosistema fluvial e costeiro na desembocadura do río Lambre na ría de Betanzos.

Os traballos incluíron a restauración e conservación do ecosistema natural, a eliminación de especies exóticas invasoras, a restauración da vexetación característica e a mellora da accesibilidade para a súa visita e desfrute respectuoso pola cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.54703402519226