O Concello de Irixoa inicia o acondicionamento paisaxístico das Cascadas do Zarzo

ACoruñaXa
En colaboración coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas tras asinar un acordo para a execución de obras
reserva-irixoa
28 Mar 2025

O Concello de Irixoa, en colaboración coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, asinou un acordo para a execución de obras de acondicionamento paisaxístico nos accesos e no entorno das Cascadas do Zarzo, situadas na parroquia de Veris, Irixoa. Este proxecto, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística da Reserva, conta cunha financiación de 14.809,85 euros procedente dos fondos Next Generation da Unión Europea.

O acondicionamento centrarase na mellora da ruta de sendeirismo que percorre as Cascadas do río Zarzo, cunha lonxitude de 1.100 metros e unha anchura de 3 metros. O obxectivo é reducir os puntos de dificultade e perigo no percorrido, instalando elementos lixeiros e de baixo impacto, como táboas de madeira en forma de escalóns e tramos de corda para guiar os sendeiristas en zonas máis escarpadas.

Ademais, procederase á recuperación de antigos sendeiros que, na actualidade, están invadidos por maleza, así como á posta en valor de elementos etnográficos da ruta, como muíños, charcas naturais e muros de pedra.

O proxecto tamén incluirá a eliminación de eucaliptos nunha superficie de 750 metros cadrados, a limpeza de residuos e a instalación de carteis informativos que respecten o entorno. Todo isto, co fin de recuperar e poñer en valor os camiños tradicionais da zona, asegurando o seu mantemento a longo prazo en condicións medioambientais e paisaxísticas óptimas.

Este proxecto piloto busca mellorar a accesibilidade, preservar o patrimonio natural e etnográfico e fomentar a educación ambiental. Ademais, abre a porta a futuras accións similares noutras partes da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.

⚙ Configurar cookies
0.146164894104