O Concello de Curtis reclama ao Goberno o arranxo 'inmediato' da N-634 polo seu estado de 'ruína técnica'

ACoruñaXa
O consistorio alerta do perigo no tramo entre os quilómetros 664 e 677, ao paso por Teixeiro, onde as fochas obrigan a manobras arriscadas e xa provocaron danos en vehículos
n-634-curtis
2 Feb 2026

O goberno municipal de Curtis trasladou o pasado 30 de xaneiro unha nova comunicación formal á Delegación do Goberno en Galicia para insistir na necesidade dunha renovación integral e urxente do firme da estrada nacional N-634. Segundo o Concello, a situación é 'insostible' e o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 664 e 677 presenta un deterioro tan avanzado que o cualifican de 'ruína técnica', con risco diario para a seguridade viaria.

A administración local explica que o problema deixou de ser unha cuestión de comodidade para converterse nun asunto de seguridade pública. Veciñanza e usuarios trasladaron ao Concello que as fochas, pola súa fondura e extensión, forzan a realizar manobras evasivas, incluída a invasión do carril contrario. Ao producirse nunha contorna urbana, o consistorio advirte de que aumenta a probabilidade de colisións frontais.

Ademais, o Concello di ter constancia de numerosas queixas por danos materiais. O desprendemento do asfalto tería enchido os arcéns de grava, o que está a xerar pinchazos, deterioro de pneumáticos e mesmo avarías na parte baixa dos vehículos. O goberno local sostén que os arranxos puntuais executados ata o de agora non resolven o problema, ao considerar que existe un colapso estrutural da vía.

O Concello lembra que a demanda non é nova e que en reiteradas ocasións pediu a intervención do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, ao tratarse (sinalan) dunha estrada estatal con elevada intensidade de tráfico en Galicia. O executivo municipal avisa de que manterá a presión institucional ata que se licite e execute un proxecto de rehabilitación completa, incluíndo tamén a mellora das vías de servizo, para recuperar a seguridade e 'a dignidade' deste tramo.

⚙ Configurar cookies
0.079840898513794