O Concello de Curtis intensifica o control sobre as parcelas sen desbrozar

O Concello de Curtis advertiu de que a partir da vindeira semana sancionará directamente aos propietarios de parcelas que permanezan sen desbrozar dentro das zonas urbanas de Curtis e Teixeiro, nos núcleos rurais ou nos perímetros próximos a vivendas e edificacións. A medida responde ao cumprimento estrito da Lei de Incendios e á necesidade de reforzar a prevención fronte ao risco de lumes.
O goberno local lembra que xa se notificou en diversas ocasións a obriga de manter limpos os terreos, a través de bandos e comunicados oficiais. Neste momento, sinala o Concello, é imprescindible actuar con responsabilidade e garantir a seguridade colectiva mediante a eliminación da vexetación acumulada.
Segundo as previsións meteorolóxicas, nos próximos días agárdanse temperaturas máis suaves, polo que se considera unha oportunidade favorable para acometer os traballos de limpeza. Dende o Concello pídese a máxima colaboración da veciñanza, insistindo en que a implicación de todos resulta clave para manter o municipio protexido fronte a posibles incendios.