O Concello de Curtis convoca unha reunión sobre a liña de evacuación do parque eólico Satrebares

Medio centenar de veciños do municipio de Curtis asistiron á reunión convocada polo Concello para tratar as afeccións da liña de evacuación do parque eólico Satrebares, que discorre polo termo municipal e afecta a numerosas parcelas de uso agrario e forestal nas parroquias de Foxado, Santaia e Fisteus.
Segundo traslada o goberno municipal, a liña de evacuación, que ten unha lonxitude de case 16 quilómetros, xerou preocupación entre os afectados, que expresaron o seu malestar polas repercusións que pode ter nas súas terras. En resposta a estas inquedanzas, o Concello encargou un informe técnico e xurídico que avalía as posibles afeccións, tendo en conta tamén o informe dos técnicos da Reserva da Biosfera.
Durante a xuntanza, os representantes do Concello expuxeron aos asistentes as posibles afeccións e os pasos a seguir no proceso. Ademais, poñeron á disposición dos veciños todo o apoio necesario para asesoralos e axudalos a elaborar as alegacións que consideren oportunas.
A maioría dos asistentes manifestaron a súa preocupación polo impacto da liña de evacuación e anunciaron a súa intención de presentar alegacións. O concelleiro de Medio Ambiente e o técnico municipal estarán dispoñibles para continuar informando aos veciños sobre este asunto e prestarlles a asistencia necesaria na tramitación das alegacións.