O Concello de Culleredo valora que o Estado o considere para a nova estación de mercadorías

ACoruñaXa
O rexedor, José Ramón Rioboo, considera positivo o estudo de viabilidade na localización de Ledoño
culleredo-transporte
4 Feb 2025

"Moi positivo", así valora o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, o anuncio do ministro de Transportes, Óscar Puente, no que se inclúe ao municipio como posíbel sede da futura terminal ferroviaria de mercadorías. O rexedor cualificou de "moi boa nova" que o estudo de viabilidade que está a realizar o Estado considere a localización de Ledoño como unha das opcións para a nova estación, destacando o seu “enclave estratéxico” dentro da área metropolitana.

Rioboo xa mantivo, no mes de xaneiro, unha reunión con ADIF para presentar as características do Centro Logístico de Transportes de Ledoño (CLT) como unha posible localización para a infraestrutura, que xa estaba contemplada no proxecto sectorial do polígono industrial. O alcalde subliñou as vantaxes do CLT, unha zona industrial especializada en servizos loxísticos que se atopa na converxencia de varias redes de transporte.

"Contar cunha nova estación de mercadorías suporía un impulso definitivo para o sector da logística", afirmou Rioboo. Desde o CLT, combinaríase un acceso directo a vías como a A-6 e a AC-14, así como á liña ferroviaria, garantindo conexións co aeroporto de Alvedro, o porto exterior, os principais polígonos industriais e a propia cidade.

Agora será o estudo de ADIF o que determine se o CLT reúne todas as condicións técnicas para acoller a terminal. O parque, que goza dunha conectividade indiscutible, xa reservaba un espazo para as operacións ferroviarias dentro do seu proxecto inicial.

O alcalde tamén remarcou que a confirmación do proxecto para Culleredo suporía "un gran desenvolvemento para o rural, coa xeración de emprego e actividade económica asociada". Ademais, lembrou que na zona está en marcha a construción dun colexio privado, outra actuación que contribúe ao desenvolvemento das parroquias de Ledoño, Sésamo, Veiga ou Culleredo.

OBRAS NO CLT

O Concello de Culleredo está a executar melloras na rede viaria do CLT despois de recibir a posesión do parque tras un longo proceso xudicial de rescate da concesión. A primeira intervención está a realizarse na vía principal, entre a entrada e a saída, e consiste no fresado e reparación do firme nos puntos máis deteriorados, cun orzamento de 47.000 euros. Esta primeira fase das obras finalizará esta semana. Despois, o Concello acometerá traballos de limpeza e acondicionamento das zonas ajardinadas.

O plan municipal para o CLT tamén inclúe a elaboración dun estudo técnico que defina as diferentes actuacións a realizar no parque e que deberán ser licitadas, como a mellora da iluminación, cunha implantación de tecnoloxía LED, ou a renovación integral dos viales interiores e zonas comúns.

Ademais, será necesario definir o modelo de xestión do CLT, en colaboración cos propietarios, para asegurar o seu mantemento e conservación. Aínda está en trámite a completa posesión do CLT por parte do Concello, agardando a resolución do proceso xudicial relacionado co aparcamento de vehículos pesados e a báscula.

0.16350793838501