O Concello de Culleredo transformará a praza Sagrada Familia cunha intervención integral en Vilaboa

ACoruñaXa
O proxecto aposta por unha reforma que prioriza a accesibilidade, a seguridade e o protagonismo do uso peonil
cull-sagrada-familia
4 Jun 2025

A praza Sagrada Familia, situada no centro de Vilaboa, vivirá unha profunda transformación coa actuación que vén de licitar o Concello de Culleredo. Cun orzamento de 614.023,15 euros, cofinanciado pola Deputación da Coruña, o proxecto aposta por unha reforma que prioriza a accesibilidade, a seguridade e o protagonismo do uso peonil.

O alcalde, José Ramón Rioboo, salientou que a intervención servirá para configurar “un espazo máis seguro e accesible no corazón urbano de Vilaboa”. O rexedor destacou que o proxecto foi concibido “pensando nos veciños que viven ao seu carón” e que, por iso, integrarase a praza co conxunto residencial, eliminando barreiras arquitectónicas e dándolle preferencia ás persoas fronte aos vehículos.

A reordenación do espazo materializarase nunha plataforma única, facilitando o tránsito continuo desde os portais dos edificios ata o conxunto da praza, e eliminando a separación actual provocada polo vial.

As zonas peonís contarán cun novo pavimento de granito, achegando unha estética renovada e máis amable ao entorno. Pola súa parte, a área compartida con vehículos será executada en formigón, cun límite de velocidade establecido nos 20 km/h.

O proxecto tamén aposta pola creación de zonas verdes, con novas árbores e arbustos que exercerán de barreira natural fronte á estrada, ademais de dotar o espazo de mobiliario urbano funcional.

Un dos elementos máis destacados será a renovación do parque infantil, que se trasladará a unha zona máis resgardada no interior da praza, lonxe da avenida de Vilaboa. Estará cuberto cunha estrutura metálica, o que permitirá o seu uso incluso en días de choiva. O firme será de caucho, instalaranse novos xogos e o perímetro pecharase cunha valado de madeira de piñeiro silvestre, complementado con arborado.

A reconfiguración da praza permitirá tamén aumentar o número de prazas de aparcadoiro. Na rúa Río da Cova crearase unha nova área de estacionamento en batería.

Esta actuación fora inicialmente incluída no Plan Único da Deputación en 2022. Non obstante, foi preciso adaptar o proxecto segundo os requerimentos da Dirección Xeral de Patrimonio, ao tratarse dunha zona afectada polo Camiño Inglés. A principal modificación afectou á cuberta do parque infantil.

José Ramón Rioboo enmarca esta obra dentro da estratexia de transformación de Vilaboa: “seguir avanzando coa transformación de Vilaboa”. O Concello xa executou as dúas primeiras fases da avenida principal e construíu dúas rotondas en puntos de tráfico complexo. Os seguintes pasos inclúen a remodelación da rúa Domingo Sierra —coa primeira fase xa adxudicada e a segunda aprobada—, a terceira fase da avenida de Vilaboa, entre a rotonda da oliveira e Luis Seoane, e esta reforma integral da praza Sagrada Familia, entre outras.

⚙ Configurar cookies
0.16638612747192