O Concello de Culleredo ten luz verde para restaurar a Torre de Celas

ACoruñaXa
A intervención céntrase na sustitución e reparación dos diferentes elementos danados
recreacion celas-culleredo
27 Jan 2025

O Concello de Culleredo anuncia que restaurará a Torre de Celas, de acordo coas estipulacións que os técnicos municipais determinaron e que se plasmaron no proxecto que conta coa luz verde da Dirección Xeral de Patrimonio.

Realizaría unha inversión prevista de 160.000 euros. A Torre foi rehabilitada en 1992 por unha escola taller promovida polo Concello. Co paso dos anos foi producíndose un deterioro no seu interior debido ás humidades e filtracións de auga e por iso o goberno municipal encargou un análise técnico e un proxecto para restaurala de novo.

A intervención céntrase na sustitución e reparación dos diferentes elementos danados. No interior, será o caso da estrutura de viguetas de madeira, da estrutura metálica, das escaleiras e da iluminación. No exterior limparese a fachada, eliminando a vexetación, e arranxaranse os puntos de filtración de auga localizados nos lucernarios ou na recollida de augas pluviais da cuberta.

Desde o goberno local explican que actuacións previstas para Celas non se limitarán ao ben en si. O Concello adianta que se levará a cabo unha mellora do parque, coa finalidade de realzar os valores do monumento. Executaranse os camiños en xabre, un material harmónico coa riqueza histórica. Mellorarase a iluminación, o mobiliario urbano e o xardineiro. Tamén denuncia a "hipocrisía e demagoxia" do PP de Culleredo ao levar ao pleno a rehabilitación da Torre de Celas, cando sabe que o Concello xa a vai realizar, e sinalan, cando os populares precisamente votaron en contra da inversión en 2023. "Isto demostra que o único interese que ten o PP de Culleredo na Torre de Celas é utilizala para as súas aspiracións políticas", afirma o grupo de goberno.

O goberno municipal lamenta esta "falta de seriedade" do PP que só busca colgarse a medalla con obras xa en trámite, como é este caso. "É unha práctica habitual á que nos ten habituados o PP, que aínda por riba bloquea nos plenos as actuacións que esixe en público", sinala o equipo de goberno.

MÁIS PROXECTOS PARA CELAS

A restauración da Torre de Celas e a mellora do parque non serán as dúas únicas intervencións que acometerá o Concello na parroquia. Por un lado, de forma inminente iniciarase a urbanización do próximo centro de dinamización para maiores de Celas. Tras a primeira fase de construción do edificio, o Concello urbanizará a finca para poder abrir o centro aos veciños.

E por outro lado, o Concello procederá á mellora da antiga escola unitaria de Celas, hoxe empregada por asociacións.

0.1533739566803