O Concello de Culleredo reúnese cos hostaleiros de Costa da Lonxa para abordar as queixas veciñais

ACoruñaXa
Unha situación que xera malestar na cidadanía provocada principalmente polos episodios de ruído nocturno
culleredo-host
27 Mar 2025

O Goberno local de Culleredo mantivo unha reunión cos hostaleiros de Costa da Lonxa para tratar as queixas veciñais provocadas, na súa maioría, polos episodios de ruído nocturno. Os profesionais do sector hostaleiro coincidiron na importancia de manter unha atención de calidade que permita a convivencia entre clientes e veciños.

O encontro estivo presidido polo alcalde, José Ramón Rioboo, quen estivo acompañado polo concelleiro de Comercio Local, Mario Iglesias, e pola concelleira de Facenda e Patrimonio, Marta María Iglesias Becerra. Durante a reunión, Rioboo subliñou a importancia de manter o diálogo e atopar un equilibrio entre o dereito ao descanso da veciñanza e a continuidade do tecido hostaleiro, que emprega de forma directa a máis de cen persoas na zona.

"Debemos buscar o equilibrio entre o dereito ao descanso dos nosos veciños e o mantemento da hostalería nesta zona, tan relevante para o municipio. É fundamental atopar solucións conxuntas baseadas nun diálogo fluío e cun espírito construtivo", destacou o alcalde.

A reunión desenvolveuse nun ambiente de colaboración, no que os hostaleiros amosaron a súa disposición para resolver as incidencias existentes e colaborar cos veciños e veciñas de Costa da Lonxa. Ademais, comprometeron a súa implicación para garantir unha mellor convivencia e abordar posibles problemáticas derivadas da súa actividade.

Concello e hostaleiros acordaron tratar cada unha das queixas veciñais co obxectivo de conseguir un entorno de calidade e unha convivencia harmónica. Entre os temas abordados destacaron medidas como evitar a concentración de grupos no exterior dos locais, mellorar a carga e descarga nas proximidades e acondicionar novas prazas sinalizadas no entorno.

O Goberno local destacou que, malia que as queixas son testemuñais, deben ser atendidas e resoltas tanto pola administración como polos propietarios dos establecementos hostaleiros.

 

⚙ Configurar cookies
0.6570839881897