O Concello de Culleredo reubica parte do Feirón de Vilaboa por mor das obras na zona

O Feirón de Vilaboa, unha das citas máis senlleiras do Concello de Culleredo, chega este domingo 13 de abril cunha edición marcada por cambios na súa disposición habitual. As obras que se están a executar na zona obrigarán a modificar a localización de varios postos e a establecer novas normas de circulación e estacionamento durante a xornada.
En concreto, un total de 26 postos —15 de alimentación e 11 de téxtil— serán desprazados á avenida de Rutis, á altura do CEIP Vila de Rutis. Esta reubicación busca garantir a seguridade tanto de comerciantes como de visitantes mentres duren as intervencións urbanísticas.
Como consecuencia, ao habitual peche de tráfico na contorna do feirón engádese o corte dun treito da avenida de Rutis. Para acceder ao campo de fútbol, os vehículos deberán facelo a través do Pazo de Vilaboa, xa que a avenida de Ribados estará intransitable a partir do acceso ao supermercado Eroski.
Ademais, non se poderá estacionar fronte ao CEIP Vila de Rutis. Como medida alternativa, o Concello habilitará prazas de aparcamento na rúa Vicente Risco, ata a metade da vía —coincidindo co inicio do feirón— e unicamente no marxe dereito, o cal xa conta con sinalización horizontal.