O Concello de Culleredo renovará por completo a rúa Domingo Sierra

O Concello de Culleredo acometerá unha renovación integral da rúa Domingo Sierra, situada no centro de Vilaboa. Esta vía, que dá acceso ao CEIP Sofía Casanova e ao polideportivo municipal, ademais de contar con vivendas e establecementos comerciais, será obxecto dunha actuación en dúas fases cun investimento global de máis de 800.000 euros.
“Llevaremos a cabo una renovación integral de la calle en todos sus aspectos”, afirmou o alcalde, José Ramón Rioboo, quen destacou que se trata dunha obra “moi necesaria” despois da humanización da avenida de Vilaboa, que fixo aumentar o tránsito por esta rúa. Segundo o rexedor, será “una modernización absoluta” para este espazo urbano.
A primeira fase das obras xa foi adxudicada e abrangue o tramo entre a glorieta do oliveiro e a rúa Condes de Andrade, cun orzamento de 441.601,02 euros. Nela reurbanizarase completamente a vía, con novo pavimento na calzada e nas beirarrúas. As entradas aos garaxes contarán con losetas reforzadas e as baldosas seguirán o mesmo estilo das utilizadas noutros proxectos de humanización impulsados polo Concello, o que suporá unha mellora estética significativa.
Tamén se instalará mobiliario urbano e realizaranse plantacións. Urbanizarase o aparcadoiro da parcela adxacente para facilitar o seu uso e instalaranse dous pasos de peóns sobreelevados, mellorando así a seguridade viaria. Ademais, renovarase a sinalización existente. No tocante aos servizos, a rúa contará cun novo sistema de iluminación eficiente con tecnoloxía LED e as canalizacións necesarias. Tamén se mellorarán as redes de saneamento e abastecemento de auga.
A segunda fase da actuación, que xa conta co proxecto aprobado, intervirá no treito comprendido entre Condes de Andrade e a glorieta da fonte de Vilaboa. Neste caso, o investimento previsto é de 336.414,05 euros.
Estas actuacións enmárcanse na estratexia de humanización que o Concello está a desenvolver en Vilaboa. “Desde el primer momento tuvimos claro que la modernización de Vilaboa abarcará no sólo a la avenida principal sino a la red de calles principales eminentemente residenciales”, sinalou Rioboo.
O alcalde fixo fincapé en que “apostamos por inversiones de envergadura que supongan un cambio notable en el día a día” da veciñanza. Grazas a estas intervencións, asegurou que “incrementamos la seguridad, incrementamos los servicios y mejoramos la estética, lo que indudablemente supone mayor calidad de vida”.