O Concello de Culleredo remata a reparación da calefacción do Conservatorio de Música

O Concello de Culleredo finalizou os traballos de reparación da calefacción do Conservatorio de Música, que levaba avariada dende o mes pasado. A incidencia, segundo indica, debíase á avaría dunha bomba, cuxo reposto foi solicitado, pero debido á falta de stock, a súa entrega sufriu un retraso de varias semanas. Tras recibilo, a empresa de mantemento realizou con rapidez a súa substitución. A calefacción funciona con normalidade.
De acordo coas demandas transmitidas pola ANPA, o Concello está a tramitar unha actuación integral de mellora. Nas pasadas vacacións escolares, os técnicos e unha asistencia técnica analizaron a cuberta para detectar os posibles puntos de filtracións de auga. Agora, tras os temporais, avaliarase de novo a situación.
O Concello, na reforma integral, contempla tanto a renovación da cuberta como da carpintaría de aluminio, que require unha modernización. Ademais, isto permitirá dotar ao centro de maior eficiencia enerxética. Non obstante, a intención é tomar medidas canto antes nos puntos de maior urxencia para reducir as filtracións.
Así mesmo, o Concello está a levar a cabo labores de desratización no centro, que se atopa nunha zona verde xunto ao río, polo que é preciso ampliar as medidas. Indica que o centro funciona case ao 100 % con fondos municipais. Só se dispón dunha pequena axuda da Deputación mentres que a Xunta de Galicia, a pesar de ser a administración competente na materia, nin o asume nin colabora na súa financiación.
Ademais, dende este curso, o Conservatorio é gratuíto para os veciños tras a eliminación do prezo público da ensinanza por parte do goberno municipal. O grupo de goberno insta á Xunta a asumir o Conservatorio cullerdense, dado que é da súa competencia.