O Concello de Culleredo reclama á Xunta solucións urxentes para os colexios de infantil e primaria

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, lamentou que a delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, "utilice o paraugas da Xunta para faltar á verdade e fomentar bulos" sobre o rebacheo efectuado no centro de saúde de Acea de Ama. Rioboo acusou a Do Campo de seguir "unha senda electoralista sen rigor institucional".
O rexedor expresou o seu malestar pola negativa da delegada a manter unha reunión solicitada dende a Alcaldía. "Se esa entrevista se tivese producido, non se faría a chapuza que se fixo no centro de saúde", asegurou. O Concello denuncia que a obra realizada pola Xunta está incompleta, xa que o aparcadoiro apenas foi arranxado nunha pequena zona. Ademais, como denuncian os usuarios, as choivas acumulan auga no vial de acceso, algo que non ocorría previamente.
Rioboo subliñou que, en vez de atender á petición municipal, Do Campo si se reuniu co PP de Culleredo, o que considera unha "falta de respecto" institucional. Segundo o Concello, nos últimos catro días a delegada visitou a obra inacabada xunto a sete concelleiros do PP e realizou declaracións falsas para xustificarse. Mentres tanto, as necesidades urxentes do municipio, como a situación dos colexios de infantil e primaria, seguen sen resposta por parte da Xunta.
O Goberno municipal lembrou que a parcela do centro de saúde pertence á Xunta dende a súa cesión en pleno o 31 de marzo de 2009, sendo responsabilidade da administración autonómica o seu mantemento. "Tras anos de abandono, tívose que lembrar á Xunta que a titularidade era súa para que actuase", indicou o Concello, lamentando que o resultado final sexa un "parche" en lugar dunha solución definitiva.
O Concello de Culleredo propuxo un proxecto de rehabilitación integral do entorno do centro de saúde e mesmo ofreceuse a facerse cargo da parcela, pero esta disposición non foi correspondida pola Xunta. Ademais, Rioboo desmentiu que o Concello recibise ningún borrador de convenio sobre a titularidade do aparcadoiro, tal e como afirmou Do Campo.
O Goberno local denunciou que leva anos solicitando formalmente reunións coa Xunta sobre temas urxentes para a cidadanía, como o deterioro dos centros educativos. A última solicitude foi enviada o 12 de setembro de 2024, reiterando solicitudes previas de 2023 e 2022, sen obter ningunha resposta.
O equipo de goberno de Culleredo expresou a súa preocupación pola actitude da delegada, recordando que o seu cargo debería servir para representar ao Goberno galego na provincia da Coruña e non exclusivamente aos intereses do PP. "Instamos a Do Campo a actuar como unha representante pública e non como unha portavoz partidaria, para poder concretar actuacións conxuntas en beneficio da cidadanía", concluíu o alcalde, reiterando que o Concello sempre manterá a man tendida ao diálogo institucional.