O Concello de Culleredo oferta cursos para preparar as competencias chave 2025

O Servizo de Dinamización, Formación e Emprego da Área de Dinamización Social do Concello de Culleredo pon en marcha unha nova edición de accións formativas co obxectivo de preparar á veciñanza para superar as probas de competencias chave 2025 necesarias para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2. Estas accións están dirixidas preferentemente a persoas empadroadas en Culleredo, maiores de 16 anos e en situación de desemprego.
O prazo de preinscrición abre do 17 ao 21 de marzo, e os cursos buscan ofrecer apoio na adquisición das competencias chave que permiten acceder a cualificacións profesionais de nivel 2, fundamentais para mellorar as posibilidades de empregabilidade.
Para obter os certificados profesionais de nivel 2, é preciso acreditar unha formación básica específica. Cando non se posúen os requisitos académicos necesarios, como ocorre con moitos veciños e veciñas de Culleredo, a alternativa é a superación das probas de competencias clave organizadas pola administración. Estas probas permiten acreditar as habilidades e coñecementos necesarios para acceder a cualificacións profesionais de nivel 2.
As accións formativas realizadas en anos anteriores tiveron unha gran acollida entre a veciñanza e foron un éxito rotundo, permitindo que a maioría dos participantes superasen as probas e conseguiran acceder aos certificados profesionais. Este ano, o Concello continúa co seu compromiso de apoiar á cidadanía na mellora das súas competencias e na súa inserción no mercado laboral.