O Concello de Culleredo leva a pleno aprobar o pago de 1,3 millóns pola cesión de Villa Melania

ACoruñaXa
Villa Melania alberga actualmente a biblioteca, salón de actos, centro social e espazos verdes
Casa do Concello de Culleredo
31 Jul 2025

O Concello de Culleredo afrontará finalmente o pago de 1,3 millóns de euros á promotora Landcompany 2020 SL pola cesión do pazo de Villa Melania, en Vilaboa, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitase o recurso presentado pola empresa e confirmase a sentenza do Xulgado do Contencioso.

A contía exacta que se abonará é de 1.244.423,95 euros, resultante da estimación parcial da demanda, que reclamaba inicialmente preto de 4,7 millóns. O Xulgado considerou que o importe debía limitarse ao valor do solo cedido —a parcela onde se sitúa Villa Melania— e non ao da edificabilidade que se comprometera naquel momento, no ano 2003. O fallo reduciu así en máis do 70 % a indemnización solicitada pola promotora.

A empresa intentou elevar a compensación en 243.012 euros, argumentando unha cesión anterior de terreos para os accesos ao CEIP Sofía Casanova. Porén, o TSXG desestimou esta pretensión ao entender que non existía un enriquecemento inxusto por parte do Concello, validando o criterio da primeira instancia.

O Goberno local levará a pleno este xoves a aprobación dun crédito extraordinario para facer fronte ao pago, que ascenderá a 1.301.491,51 euros incluíndo xuros. A contía procederá do remanente de tesouraría, que supera os 17,7 millóns de euros, e conta cos informes técnicos favorables.

O convenio urbanístico orixinal asinouse en novembro de 2003 coa empresa Curto Promotores Inmobiliarios S.A. Segundo o acordo, o Concello recibiría o pazo e a súa contorna verde para uso público a cambio de dúas parcelas con edificabilidade residencial. A primeira delas, na zona de Pazos de Vilaboa, foi entregada. A segunda, prevista no ámbito da avenida de Vilaboa, non chegou a materializarse por falta de ordenación urbanística e dispoñibilidade no patrimonio municipal.

Villa Melania foi rehabilitada polo Concello e alberga actualmente a biblioteca, salón de actos, centro social e espazos verdes, converténdose nun dos principais equipamentos públicos de Vilaboa.

O executivo municipal, aínda que se desmarca das fórmulas urbanísticas empregadas hai dúas décadas, considera axeitado cumprir coa compensación derivada do acordo, ao tratarse dunha intervención que permitiu recuperar un inmoble histórico e crear novos espazos de uso cidadán. Así mesmo, destaca que a operación deixa aberta a porta a futuras opcións de edificabilidade na zona cando se aprobe a nova ordenación urbanística.

⚙ Configurar cookies
0.15408778190613