O Concello de Culleredo lanza novas accións formativas para outubro no marco do Plan Laboral para o Emprego 2024
O Concello de Culleredo presentou unha nova serie de cursos formativos dirixidos, preferentemente, aos veciños e veciñas en situación de desemprego, maiores de 18 anos e inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. As accións formativas inclúense dentro do Plan Laboral para o Emprego 2024 e terán lugar ao longo do mes de outubro.
Entre os cursos ofertados inclúense: Manipulación de cargas con carretilla elevadora, Operario/a de limpeza industrial e Manipulación de alimentos. Estes cursos teñen como obxectivo mellorar a capacitación profesional dos participantes e aumentar as súas posibilidades de inserción laboral, adaptándose ás competencias demandadas no mercado de traballo.
Cursos ofertados
- Manipulación de cargas con carretilla elevadora: 10 prazas, 20 horas de formación presencial con contidos teóricos e prácticos. O curso terá lugar do 21 ao 25 de outubro, de 9.30 a 13.30 horas.
- Operario/a de limpeza industrial: 10 prazas, 50 horas presenciais. Este curso iniciarase o 23 de outubro e rematará o 11 de novembro, en horario de 9.30 a 13.30 horas.
- Manipulador/a de alimentos: 20 prazas dispoñibles e 4 horas de formación. Este curso realizarase o 25 de outubro, de 9.30 a 13.30 horas, centrado en temas como a calidade alimentaria, a hixiene persoal e a seguridade alimentaria.
Prazo e lugar de inscrición
A preinscrición poderá realizarse do 7 ao 10 de outubro a través dun formulario en liña dispoñible na web do Concello. As prazas asignaranse por orde de inscrición, e as listas provisionais de admitidos publicaranse o 14 de outubro no Centro Municipal de Formación e Emprego Pablo Picasso. As reclamacións poderán presentarse ata o 15 de outubro, e a lista definitiva de admitidos publicarase o 17 de outubro.
Os cursos terán lugar no Centro Municipal de Formación e Emprego Pablo Picasso, agás a parte práctica do curso de carretilla elevadora, que se impartirá en instalacións específicas.