O Concello de Culleredo inicia o servizo mantemento das zonas verdes do paseo marítimo

ACoruñaXa
De xeito urxente ao ser unha zona afectada pola paralización do servizo debido ao cese da anterior empresa encargada
jardineria-culleredo
17 Feb 2025

O Concello de Culleredo iniciou hoxe un servizo urxente de acondicionamento das zonas verdes e xardíns do paseo marítimo de O Burgo. O obxectivo desta actuación é realizar un mantemento básico de todo o entorno, unha das áreas máis afectadas pola paralización do servizo debido ao cese da actividade da anterior empresa encargada da prestación.

Os traballos comezaron na contorna da ponte romana e, nos vindeiros días, os operarios levarán a cabo tarefas como a sega da herba e a limpeza e mellora dos xardíns ao longo de todo o paseo marítimo.

O goberno municipal optou por esta vía urxente debido a que, na licitación do servizo actualmente en curso, quedou deserto o lote correspondente ao paseo marítimo, xunto co de O Burgo. Por este motivo, mentres os servizos municipais estudan a vía administrativa a seguir, o Concello fundamentou esta intervención en motivos de salubridade para garantir o bo estado da zona.

Os outros dous lotes da licitación recibiron ofertas, polo que o procedemento continúa cara á adxudicación. Estes lotes inclúen, por unha banda, Rutis e os campos de fútbol, e, por outra, os hortos urbanos, neste último caso reservado para un centro especial de emprego.

O Concello explica que a tramitación continúa nos servizos técnicos coa máxima axilidade posible dentro dos prazos administrativos establecidos, co obxectivo de que Culleredo poida contar canto antes cun servizo fixo de mantemento das zonas verdes acorde coas necesidades reais da veciñanza.

A nova prestación saíu a licitación cun orzamento total de 2.192.889,89 euros, incluíndo un incremento dos medios persoais, das superficies a actuar e dos traballos a realizar, co fin de ofrecer un servizo moderno e adaptado ás necesidades actuais do municipio.

Unha das novidades incluídas nos pregos é o mantemento do mobiliario urbano das zonas verdes, o que permitirá a reparación de elementos como bancos, papeleiras ou valados, así como a súa limpeza, pintado e tratamento da madeira, entre outras actuacións.

Ademais, o prego contempla un programa de sanidade vexetal que aplicará tratamentos fitosanitarios para combater pragas cada vez máis frecuentes na comunidade. Exemplos disto son o picudo vermello das palmeiras ou a procesionaria do piñeiro, garantindo así a protección e conservación da vexetación do municipio.

0.16791915893555