O Concello de Culleredo inicia a tala dun tilo en Vilaboa por risco de caída tras un informe técnico

O Concello de Culleredo está a executar a tala dun tilo de gran porte situado en Vilaboa, ao carón da entrada do pazo de Villa Melania, debido ao “alto risco de caída ou fractura” detectado polos servizos técnicos municipais. A medida foi avalada por un informe da enxeñeira técnica municipal, que confirma o estado irreversible da árbore e a necesidade de intervir para garantir a seguridade das persoas.
A decisión vén motivada pola proposta da empresa encargada do mantemento e seguimento do arborado no municipio, que, tras unha revisión periódica, alertou da situación deste exemplar localizado nunha zona de paso peonil moi frecuentada. Para elaborar o diagnóstico, realizouse unha tomografía sónica —proba instrumental que permite avaliar o estado interno da madeira— que revelou un nivel de degradación medio-alto.
Ademais, a inspección visual confirmou que o alcorque que rodea o tilo é insuficiente para o seu tamaño actual, limitando o desenvolvemento das raíces. Tamén se detectaron uniones febles entre ramas secundarias, o que aumenta o risco de fractura en condicións de vento forte.
A enxeñeira técnica municipal emitiu un informe favorable á retirada da árbore, argumentando que “a prioridade reside en evitar calquera risco de dano persoal nun punto de paso peonil”.
A operación comezou co corte das ramas, unha acción que xa contribúe a reducir perigos inmediatos. Está previsto que os traballos de tala rematen ao longo da vindeira semana.
O Concello subliña que este tipo de actuacións están enmarcadas nas tarefas de control e mantemento regular da masa arbórea do municipio, co obxectivo de conservar os exemplares en bo estado e garantir a seguridade da veciñanza.