O Concello de Culleredo inicia a segunda oleada de desbroces na rede viaria municipal

ACoruñaXa
Unha actuación imprescindible ante o notable crecemento da herba nas zonas onde se comezou a actuar en maio
cull-desbroces
10 Jul 2025

O Concello de Culleredo está a piques de poñer en marcha a segunda oleada de traballos de desbroce na rede viaria do municipio, logo de completar a primeira fase en todos os núcleos. Esta actuación é imprescindible ante o notable crecemento da herba nas zonas onde se comezou a actuar en maio.

O servizo municipal, con tres equipos traballando a pleno rendemento, está a rematar a primeira rolda de desbroces no Xalo e en Ledoño, para avanzar en próximos días a zonas como A Ermida, Bregua, Boedo e Orro.

Unha vez finalizados estes traballos, o desbroce trasladarase ás áreas de Almeiras e ao tramo da Nacional 550 que conecta Vilaboa coa glorieta de Alvedro, dúas zonas nas que se detectou un rápido aumento na altura da vexetación.

O Concello conta con dúas brigadas equipadas con dous tractores e unha desbrozadora de arrastre, acompañadas por persoal que realiza tarefas manuais de limpeza específicas.

O plan de desbroce abrangue os máis de 231 quilómetros da rede viaria municipal e tamén 103.230 metros cadrados de parcelas municipais distribuidas por todo o termo municipal. Ademais, a empresa contratada encárgase tamén do desbroce das pistas forestais incluídas no convenio coa Consellería de Medio Rural para a prevención de incendios.

A inversión municipal destinada a estes traballos rolda os 246.000 euros para unha duración de dous anos, con opción a prorrogar o contrato por outros dous anos máis.

⚙ Configurar cookies
0.16725897789001