O Concello de Culleredo inaugura os actos do 8M coa campaña ‘Imprescindibles’

ACoruñaXa
Puxo o foco nos dereitos laborais, políticos e sociais das mulleres empregadas do fogar e dos coidados
Culleredo_8m_expo_2
7 Mar 2025

O Concello de Culleredo deu inicio á súa programación polo Día Internacional da Muller cunha serie de actividades que poñen o foco na igualdade e no recoñecemento dos dereitos das mulleres. A primeira das accións foi a inauguración da campaña ‘Imprescindibles’, desenvolvida en colaboración coa ONG Movemento pola Paz. O acto tivo lugar no Edificio de Servizos Múltiples, onde se abriu ao público unha exposición fotográfica que permanecerá dispoñible na planta baixa. Ademais, celebrouse a primeira das charlas programadas polo goberno municipal no marco da conmemoración do 8M.

A apertura estivo presidida polo alcalde, José Ramón Rioboo, e a concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa. Tamén asistiron as concelleiras do grupo de goberno, Cristina Pardo, Penélope López e Marta Iglesias, ademais de persoal técnico do ámbito social, representantes da ONG, técnicos municipais e veciñanza.

“Non podemos permitir que o avance que temos feito se vexa mermado”, expresou Rioboo na súa intervención, en referencia ao contexto político e social actual. “A igualdade é vital para a convivencia, e así debemos transmitilo”, apuntou.

Esta primeira actividade puxo o foco nos dereitos laborais, políticos e sociais das mulleres empregadas do fogar e dos coidados. Na ponencia, Noemí Pedrós, traballadora social, e Vanesa Ramos, avogada, abordaron a importancia dos coidados como un piar esencial para a protección da vida.

A programación, baixo o lema ‘Dereitos, igualdade, empoderamento’, continuará mañá venres 7 con dúas actividades máis, ambas no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. A primeira será a charla ‘A recuperación da memoria histórica das mulleres’, a cargo da investigadora da USC Fátima Martínez, prevista para as 19:00 horas. A continuación, ás 20:30 horas, terá lugar o concerto do grupo de pandereteiras ‘Xilbatuxeiras’, organizado pola Asociación de Mulleres As Berenguelas.

O 17 de marzo inaugurarase a exposición ‘Saúde é nome de muller’, que se poderá visitar ata o 31 de marzo no Pazo de Vila Melania. A mostra está organizada por Médicos do Mundo. O último dos actos centrais deste 8M será a charla ‘A fenda de xénero na saúde mental’, programada para o xoves 20 de marzo ás 19.00 horas no Pazo de Vila Melania. Nesta sesión intervirá a terapeuta ocupacional do Sergas Mercedes Seoane.

MÁIS ACTIVIDADES

Ademais da programación aberta ao público, o Concello de Culleredo organizou outras catro actividades destinadas ás persoas usuarias de diferentes centros municipais.

O martes 11 de marzo celebrarase a charla ‘Fenda de xénero, en serio?’ no Centro Residencial Docente Acea de Ama. O xoves 13 de marzo haberá dúas actividades no Centro de Día de O Burgo, coa exposición ‘As nosas pioneiras’ e un concerto do coro do Conservatorio de Música municipal. Para pechar a programación, o 27 de marzo desenvolverase o obradoiro ‘Quen é quen?’ no Centro Ocupacional A Escada.

Como parte das iniciativas municipais para conmemorar o 8M, tamén se levará a cabo un estudo sobre ‘Perspectivas de xénero na adolescencia’ dentro do Plan Estratéxico Municipal de Oportunidades entre Mulleres e Homes.

⚙ Configurar cookies
0.16948294639587