O Concello de Culleredo impulsa un programa ao aire libre para fomentar o exercicio físico entre os veciños
Concienciar do exercicio como hábito para coidar da saúde física e mental é o obxectivo que se marcou o Concello de Culleredo para este verán. O programa 'Verán movidiño' propón unha serie de iniciativas para as persoas adultas do municipio coas que se quere “enganchar” á actividade física e deportiva.
O plan inclúe desde o 1 de xullo ao 27 de setembro un conxunto de actividades dirixidas ao aire libre, de acceso totalmente gratuíto para favorecer a asistencia. Serán tanto na zona urbana como na rural.
Os luns serán en Fonteculler, xunto ao centro cívico; os martes, no parque de Celas; os mércores, en Ou Noso Lareira de Tarrío; e os xoves, en Sueiro xunto ao centro social. En todos estes casos, de 11.00 a 12.00 horas.
Os venres serán de 10.00 a 11.00 horas no paseo marítimo do Burgo, xunto ao parque biosaudable. E de 11.30 a 12.30 horas en Vilaboa, en Villa Melania.
Os obxectivos que se traballan durante as sesións van dirixidos a xerar patróns de movementos saudables, aplicables á vida cotiá, e a poñer en práctica exercicios básicos que hai que ter en conta á hora de facer exercicio, como estiramentos, relaxación etc. Tamén se encamiñan a coñecer distintas disciplinas e alternativas de actividade física.
Pódese obter información no centro de Servizos Sociais do Burgo, no 981 654 570, en Villa Melania no 981 650 077 ou en servizos.sociais@culleredo.es. Tamén as persoas interesadas poden achegarse uns minutos antes do inicio de cada actividade.