O Concello de Culleredo impulsa un plan urxente de mellora da rede viaria municipal

ACoruñaXa
Esta iniciativa precede á licitación dun servizo máis amplo de mantemento e conservación da rede viaria
Casa do Concello de Culleredo
29 Jun 2025

O Concello de Culleredo vén de poñer en marcha un conxunto de actuacións prioritarias para mellorar os puntos máis deteriorados da súa rede viaria. Esta medida busca dar resposta ás necesidades máis urxentes mentres se tramita a contratación dun servizo de mantemento a longo prazo que garanta unha atención continuada ás reparacións dos viais.

Segundo informa o Goberno local, as intervencións realizaranse en estradas incluídas no inventario municipal, sen que isto supoña modificacións no seu trazado. Os traballos previstos inclúen a eliminación de fochancas con fresado previo, reparación do firme, aplicación de capa de rodadura, reposición da sinalización horizontal e a posta a cota de tapas e rexistros.

O contrato, cun orzamento total de 72.505,09 euros, establecerá prazos de execución en función da urxencia: unha semana para actuacións de carácter urxente e tres semanas para aquelas ordinarias.

O concelleiro de Obras e Servizos, Carlos Liñares, subliñou que a posta en marcha deste servizo é “unha prioridade para atender ás peticións lóxicas formuladas polos veciños”. Ademais, explicou que este paquete de actuacións permitirá “intervir con prontitude nunha serie de puntos do municipio que presentan un maior deterioro”.

Esta iniciativa precede á licitación dun servizo máis amplo de mantemento e conservación da rede viaria, cuxo orzamento poderá achegarse ao medio millón de euros. Con este paso, o Concello procura avanzar cara a unha xestión máis eficiente e planificada das infraestruturas municipais.

⚙ Configurar cookies
0.17061805725098