O Concello de Culleredo impulsa un novo corredor verde entre Almeiras e Vilaboa

ACoruñaXa
O obxectivo é xerar contornos que favorezan a biodiversidade ao tempo que faciliten o seu uso pola cidadanía
Casa do Concello de Culleredo
27 Mar 2025

O Concello de Culleredo aposta decididamente pola creación de corredores verdes para ampliar os espazos de lecer e fomentar a mobilidade sostible no municipio. Ademais da proposta xa presentada para captar fondos FEDER co obxectivo de desenvolver sendas polos ríos Trabe e Valiñas, o Goberno municipal suma agora un novo proxecto para xerar outro corredor verde entre Almeiras e Vilaboa.

O alcalde, José Ramón Rioboo, viaxou a Madrid para manter unha reunión coa Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, onde presentou a proposta de crear un corredor verde en Almeiras, que se estendería ata o núcleo de Canabal, en Vilaboa.

Segundo explicou Rioboo, o proxecto desenvolverase cun "respecto absoluto pola natureza", con arboledo autóctono, limpeza selectiva da vexetación e láminas de auga para a fauna. Ademais, combinarase con mobiliario urbano, circuíto para facer exercicio, un sendeiro para 'running' e zonas de lecer infantil.

Desde a Fundación Biodiversidade coincidiron co rexedor na idoneidade de fomentar espazos ambientais que contribúan a compensar a pegada de carbono xerada pola proximidade do aeroporto. "É fundamental que Culleredo avance en harmonía coa biodiversidade e a sostibilidade", destacou Rioboo, quen subliñou que a Axenda Urbana contempla este tipo de actuacións.

O Goberno municipal busca ademais promover acordos cos propietarios de montes sen uso para garantir unha xestión axeitada do territorio. O obxectivo é xerar contornos que favorezan a biodiversidade ao tempo que faciliten o seu uso pola cidadanía.

Resposta ás críticas do PP

O alcalde valorou este primeiro contacto en Madrid como "moi positivo" para establecer as bases deste proxecto. "Hai que mirar ao futuro da man do benestar e en comuón co medio natural", concluíu.

En resposta ás críticas do PP de Culleredo, o Goberno local lamenta o que cualifica como "campaña de desinformación" do grupo popular. Rioboo defendeu as xestións realizadas en Madrid, onde ademais da reunión coa Fundación Biodiversidade, visitou as comisións do Congreso das áreas de Transportes e Transición Ecolóxica para coñecer o avance de proxectos clave para o municipio, como a terminal de tren de mercadorías.

"Resulta paradoxal que a voceira do PP cuestione estas reunións cando alí estaban, polo mesmo motivo, alcaldes galegos do PP", manifestou o equipo de goberno, que denuncia que, mentres o alcalde defendía os intereses do municipio, a portavoz popular "bloqueaba investimentos da Xunta para Culleredo por puro electoralismo".

Como exemplo, sinalan o seu voto en contra no último pleno para solicitar un maior investimento da Xunta no centro deportivo de Acea de Ama e a súa actitude reticente para pedir a limpeza do rego das Xesteiras. "O PP de Culleredo queda en evidencia co seu servilismo ao partido en Galicia", engaden desde o Goberno municipal.

Por último, o Concello desmentiu as afirmacións do PP sobre a suposta negativa a que un veciño interviñese no pleno para denunciar molestias ocasionadas por un local de hostalería. Segundo informaron, a Secretaría Municipal indicou que a solicitude presentada non cumpría os requisitos establecidos, polo que debería ser corrixida para o seguinte pleno se o interesado así o desexaba. "O PP intenta sacar proveito político dunha simple aplicación do regulamento", conclúe o executivo local.

 

⚙ Configurar cookies
0.25731992721558