O Concello de Culleredo está a tramitar a concesión do seu plan de axudas para asociacións locais

O Goberno local de Culleredo está a tramitar a concesión do seu plan de axudas para as asociacións do municipio. O Concello vén de publicar a resolución provisional da convocatoria, estruturada en catro liñas segundo a área de actividade das entidades.
A proposta provisional contempla a concesión de 135.863,98 euros para un total de 33 entidades. No apartado de benestar social inclúense as asociacións que prestan servizos sociais, promoven a igualdade e a educación sanitaria; en participación cidadá están as asociacións veciñais; a liña de educación abrangue principalmente as ANPA; e a de cultura está destinada ás entidades con actividade cultural.
Agora ábrese o prazo para que as asociacións presenten a xustificación correspondente e atendan os posibles requirimentos de documentación. Unha vez completada esta fase, emitirase a resolución definitiva.
O obxectivo destas axudas é favorecer a realización das actividades das entidades, que o goberno municipal considera esenciais para a veciñanza. Os gastos subvencionables inclúen tanto os custos de persoal necesario para desenvolver as actividades como os gastos correntes, administrativos ou a adquisición de equipamento preciso para a prestación dos servizos.
Por outra banda, o Concello está a ultimar a nova convocatoria de axudas para os clubs deportivos, que se publicará proximamente. En 2024, este programa contou cunha dotación de 160.000 euros.
O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explicou que a finalidade do programa é apoiar o día a día das asociacións e axudalas a afrontar os numerosos gastos que xeran. “As asociacións teñen un papel estrutural en Culleredo e desde o Concello tratamos sempre de respaldar a súa actividade tanto con subvencións como coa colaboración nos seus eventos”, destacou.