O Concello de Culleredo esixe a Telefónica unha solución inmediata ante o deterioro dos postes

ACoruñaXa
Ante esta situación, o Concello abrirá expediente sancionador contra a empresa pola falta de resposta
poste-culleredo
19 Mar 2025

O Concello de Culleredo manifestou o seu malestar pola falta de resposta de Telefónica ante as incidencias que afectan á súa infraestrutura. Os temporais e o paso do tempo deterioran algúns postes da compañía, que presentan risco de caída sen que a empresa actúe con dilixencia.

A área municipal de Obras notifica de inmediato as incidencias das que ten constancia, pero as actuacións por parte de Telefónica demóranse semanas ou incluso meses, a pesar das reiteradas reclamacións do Concello. A maior parte destes problemas dánse na zona rural, pero tamén afectan á urbana, como sucedeu recentemente no CEIP Ría do Burgo.

Ante esta situación, o Concello abrirá expediente sancionador contra Telefónica pola falta de resposta. "Os veciños están fartos de ver postes en mal estado e de que pasen semanas sen que ninguén actúe", denunciou o concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Carlos Liñares. O edil subliñou o seu "malestar" e esixiu unha "actuación inmediata" por parte da empresa, xa que o Concello non pode intervir nestas infraestruturas ao non ser de titularidade municipal.

Pola súa banda, o alcalde, José Ramón Rioboo, solicitou unha reunión urxente coa Dirección Territorial de Telefónica para abordar a situación e demandar medidas concretas. "Estas incidencias repítense cada ano, sobre todo nesta época, e os veciños de Culleredo necesitan solucións", manifestou.

Ademais, o rexedor reclamará que o despregamento da fibra óptica na zona rural se realice de maneira "óptima". Hai vivendas que carecen deste servizo de alta velocidade a pesar de ter un poste de fibra a poucos metros. "Queremos que a dotación de internet, moi esperada nas parroquias, se leve a cabo de xeito exemplar", concluíu Rioboo.

⚙ Configurar cookies
0.33628511428833