O Concello de Culleredo encherase de cor para festexar o seu Entroido 2025

O Concello de Culleredo xa ten todo listo para celebrar o Entroido cunha programación variada e pensada para todos os públicos. As actividades desenvolveranse entre o 28 de febreiro e o 5 de marzo, con festas, animación e obradoiros en diferentes puntos do municipio. Os días centrais serán o 28 de febreiro e o 1 de marzo, mentres que entre o 2 e o 5 de marzo haberá animación nos centros sociais municipais.
Así, o venres 28 de febreiro, a partir das 17:00 horas, o Centro Cultural O Noso Lar acollerá o ‘Entroido de Maiores’, onde haberá baile e degustación dos pratos típicos desta época ata as 20:30 horas. Haberá servizo de transporte gratuíto, pero será necesario chamar antes do 26 de febreiro para reservar praza e indicar a parada. As reservas poderanse facer no 981 665 597 en horario de 9.00 a 13.30 horas.
O primeiro autobús sairá ás 16.15 horas desde o Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo, con paradas en Fonteculler (Familia), Corveira, Vilaboa e Alvedro. O segundo autocar sairá ás 16.45 horas de Sueiro, pasando polos lugares que se sinalen no momento da reserva.
O sábado 1 de marzo será a quenda do ‘Entroido Infantil’, programado de 17.00 a 20.00 horas. Os máis pequenos poderán gozar dunha zona de xogos xigantes, xogos populares, obradoiros creativos, animación, photocall temático, glitter bar, flocos de millo, chocolate e zumes naturais. Os días 2, 3, 4 e 5 de marzo, de 17.00 a 20.00 horas, os centros sociais municipais acollerán actividades de animación infantil en Sueiro, Celas, Ledoñés, Virginia, Blanco Fonteculler, O Noso Lar, Sésamo, Castro-Laxe, Castelo e Orro.
O luns 3 de marzo, durante toda a mañá, Veiga celebrará un dos ‘Entroidos’ máis auténticos da comarca, coa tradicional Romaría de San Brais. A festa dará comezo ás 12:30 horas cunha ampla programación, que inclúe a misa e a procesión, o desfile de comparsas e o xantar popular. Tamén haberá concurso de ‘choqueiros’ e a esperada lectura do Testamento, todo acompañado pola actuación da Orquestra Salsarena.