O Concello de Culleredo denuncia un bulo da portavoz do PP sobre as obras na estrada de Orro

O Concello de Culleredo vén de denunciar publicamente un bulo deliberado que está a difundir a portavoz do Partido Popular, Izaskun García Gorostizu, en relación coa renovación da estrada provincial de Orro, unha actuación executada pola Deputación da Coruña.
Segundo informa o Goberno local, diversos veciños da zona contactaron co Concello tras ver imaxes difundidas pola concelleira popular, nas que pretende mostrar supostos defectos nas obras. Porén, tras consultar coa Deputación e cos responsables técnicos dos traballos, o Concello puido confirmar que as fotos non se corresponden coa realidade actual da vía.
De feito, aseguran, moitas das imaxes foron tomadas antes ou durante a execución das obras, polo que presentalas como unha mostra do estado actual da estrada é falsear groseiramente a realidade, denuncia o executivo local. Entre as fotografías difundidas por Gorostizu figuran tramos sen beirarrúas que hoxe contan con elas, ou cruzamentos aínda sen rematar que actualmente están finalizados.
Ademais, sinalan, outras imaxes nin sequera pertencen á actuación realizada, como unha escaleira privada sen accesibilidade ou unha rampa anulada por acordo entre os propietarios e a Deputación. Tamén se inclúen zonas completamente fóra do ámbito da obra.
O Concello cualifica esta manobra como unha práctica detestable, un exemplo da política de fake news na que se instalou a portavoz do PP. Sinala que intentar facer crer que esas imaxes son actuais, cando calquera persoa pode comprobar in situ que non é así, só se pode explicar por unha desesperación polo poder impropia do cargo que desempeña.
Por todo isto, o Goberno local insta a Gorostizu a rectificar de inmediato, xa que considera que esta actuación constitúe unha falta de respecto inaceptable para co persoal técnico da Deputación e do Concello, para os traballadores e traballadoras da empresa adxudicataria, e especialmente para a veciñanza que está a ser enganada con fins electorais.
Os técnicos responsables da obra amosaron tamén a súa profunda indignación polas falsidades vertidas sobre unha intervención de gran envergadura, na que —subliñan— puxeron o máximo esforzo para ofrecer unha vía practicamente nova ao servizo da cidadanía.