O Concello de Culleredo critica que a obra da Xunta en Acea de Ama está incompleta

ACoruñaXa
O alcalde, José Ramón Rioboo, critica que o mantemento quedou a medias co aparcadoiro sen rehabilitar
centro-salud-aceaama-parking
8 Mar 2025

O Concello de Culleredo cualifica de "burla" para a veciñanza que a delegada da Xunta, Belén do Campo, realizase un "despregamento propagandístico partidista" por unha actuación incompleta no centro de saúde de Acea de Ama, que se limitou a tapar uns baches sen atender demandas urxentes e de gran importancia para o municipio.

O alcalde, José Ramón Rioboo, critica que Do Campo acuda cunha "parafernalia" a vender unha obra de mantemento que quedou a medias, deixando o aparcadoiro sen rehabilitar. Usuarios do centro xa trasladaron ao goberno local a súa preocupación pola acumulación de auga na vía diante do servizo de urxencias.

A inversión prevista polo Concello incluía a renovación integral do aparcadoiro e a ampliación a dous carrís fronte ao centro de saúde, cun orzamento estimado de 150.000 euros. Esta intervención implicaría que o Concello retomase a titularidade ou o mantemento da parcela, pero coa obra incompleta da Xunta, isto resulta inasumible.

"Culleredo precisa unha maior dotación de persoal nos centros de saúde para ofrecer unha asistencia sanitaria axeitada e unha reforma de todo o entorno da dependencia, non só un parche", expresa Rioboo. O rexedor afirma que o Concello felicitará a Do Campo cando acuda para anunciar un incremento de persoal médico, de enfermería e administrativo, a redución das listas de espera ou o aumento da seguridade para os sanitarios, pero non pode facer o mesmo ante esta obra incompleta.

O Goberno local considera que a delegada está na senda equivocada ao non recibir o alcalde para escoitar as demandas reais da veciñanza, que o Concello ten perfectamente identificadas. As estradas autonómicas atópanse nun estado de risco para os cidadáns dende hai anos sen que se estableza un prazo mínimo para arranxalas. É o caso da AC-400 en Celas e Sésamo ou da AC-523 en Ledoño, onde se acumulan as reclamacións de veciños e do propio Concello para que a Xunta incremente a seguridade viaria para os peóns.

A situación repítese nos CEIP do municipio, con tres centros que superan os 50, 40 e 30 anos de antigüedade, sen que a Xunta teña tomado ningunha medida para a súa renovación. Ademais, segue pendente a renovación da rede de abastecemento en alta, comprometida hai anos e que afecta a varios municipios.

O goberno de Culleredo nunca viviu unha situación como a actual e sorprende que, coa experiencia previa de Do Campo no cargo, se preste a fins partidistas do PP local en lugar de estudar e atender as necesidades reais da cidadanía. A pesar das diversas solicitudes do alcalde a diferentes Consellarías, a delegada nin sequera respondeu. Rioboo, mantendo o seu respecto institucional como alcalde e deputado provincial, insta a delegada a que o convoque a unha reunión formal e abandone os electoralismos.

 

⚙ Configurar cookies
0.16715598106384