O Concello de Culleredo cortará a rúa San Xiao en Almeiras por obras de melllora na vía

O Concello de Culleredo informa dun corte total de tráfico no tramo provincial da rúa San Xiao, en Almeiras, con motivo dos traballos de formigonado previstos na zona. Esta actuación está incluída nas obras iniciadas o pasado mes de abril pola Deputación da Coruña, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria na estrada DP-3108, unha vía que constitúe un nexo fundamental para numerosas vivendas da contorna.
As obras comezarán o vindeiro xoves, 8 de maio, e prolongaranse ata o luns 19. Durante este período, procederase ao peche completo da circulación na devandita rúa, incluíndo tamén os accesos dende as rúas Silva, Campo e a avenida de Almeiras. Do mesmo xeito, verase afectado o acceso desde a rúa Eladio de la Iglesia Doldán e a súa intersección coa propia San Xiao.
Con todo, o Concello aclara que as persoas residentes na zona poderán acceder sen impedimentos aos seus domicilios e garaxes durante a execución das obras.
Esta intervención forma parte dun proxecto conxunto entre o Concello de Culleredo e a Deputación da Coruña, que conta cun investimento total de 290.000 euros procedentes de fondos provinciais. O proxecto non só busca a mellora da seguridade viaria e a renovación integral do firme, senón tamén unha posta en valor estética do entorno, mediante o uso de materiais atractivos, resistentes e duradeiros.
Ademais, reporanse os servizos municipais afectados polas obras e simplificarase a sinalización vertical e horizontal, adaptándoa ao novo deseño urbanístico da zona.