O Concello de Culleredo consolida a 'baileterapia' como proposta de benestar no Centro Cívico de Fonteculler

ACoruñaXa
As sesións, abertas e gratuítas, celébranse o primeiro e o terceiro venres de cada mes e buscan promover actividade física, socialización e saúde emocional a través do baile
CULLEREDO bailoterapia
25 Oct 2025

O Centro Cívico de Fonteculler acolleu unha nova sesión de 'baileterapia', unha actividade impulsada polo Concello de Culleredo para fomentar o benestar físico e emocional da veciñanza a través do movemento e da música. A proposta, que combina exercicio moderado, coordinación e diversión en grupo, continúa a gañar participantes en cada convocatoria e está pensada especialmente para persoas adultas que queren manterse activas nun ambiente próximo, accesible e acolledor.

As sesións de baileterapia desenvólvense o primeiro e o terceiro venres de cada mes, en horario de 17.30 a 20.00 horas, nas instalacións do propio Centro Cívico de Fonteculler. Para participar abonda con achegarse persoalmente neses días e franxas horarias, sen necesidade de inscrición previa. Durante a actividade trabállanse aspectos como a mobilidade, o equilibrio, a coordinación e a memoria a través de coreografías sinxelas e ritmos variados. Ao mesmo tempo, búscase crear un espazo agradable no que socializar, rir e reducir o estrés acumulado ao longo da semana.

Desde a organización explican que esta proposta non é só unha clase de baile, senón unha ferramenta de coidado integral que combina saúde física, acompañamento emocional e vida comunitaria. Subliñan tamén a importancia de ofrecer alternativas de ocio activo para favorecer o benestar e o envellecemento saudable.

O Concello anima ás veciñas e veciños de Fonteculler e do resto do municipio a sumarse ás próximas citas: 'Calquera persoa que se queira incorporar pode facelo; só ten que pasar polo centro o primeiro ou o terceiro venres de cada mes en horario de tarde'.

⚙ Configurar cookies
0.074757814407349