O Concello de Culleredo conmemora o Día Internacional da Muller con diversas actividades

O Concello de Culleredo prepara unha ampla programación para conmemorar o Día Internacional da Muller, que terá lugar o próximo 8 de marzo baixo o lema 'Dereitos, igualdade, empoderamento'. O programa incluirá charlas, exposicións e un concerto, todas abertas ao público e con entrada libre e gratuíta. Ademais, tamén se celebrarán actividades dirixidas a usuarios de diferentes centros do municipio.
A primeira das actividades centrais comezará este xoves 6 de marzo, coa exposición fotográfica 'Imprescindibles', que se inaugurará ás 12.00 horas no Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo. A mostra, promovida pola ONG Movemento pola Paz, estará aberta ata o 15 de marzo. No acto inaugural intervirán a traballadora social Noemí Pedrós e a avogada Vanesa Ramos, quen falarán sobre os coidados como elemento esencial para a protección da vida.
O venres 7 de marzo terán lugar outras dúas actividades no mesmo lugar. A primeira será a charla “A recuperación de memoria histórica das mulleres”, que correrá a cargo da investigadora da USC Fátima Martínez, ás 19.00 horas. Despois, ás 20.30 horas, o grupo de pandereteiras Xilbatuxeiras ofrecerá un concerto, organizado pola Asociación de Mulleres As Berenguelas.
O 17 de marzo, o Pazo de Vila Melania acollerá a inauguración da exposición 'Saúde é nome de muller', organizada por Médicos do Mundo, que poderá visitarse ata o 31 de marzo.
A programación rematará o 20 de marzo, coas charla ¡A fenda de xénero na saúde mental', que terá lugar ás 19.00 horas no Pazo de Vila Melania. A terapeuta ocupacional do Sergas, Mercedes Seoane, será a encargada de abordar esta importante temática.
Ademais das actividades abertas ao público, tamén se celebrarán outras catro actividades dirixidas a persoas usuarias de diferentes centros do Concello. O martes 11 de marzo terá lugar a charla 'Fenda de xénero, en serio?', no Centro Residencial Docente Acea de Ama. O xoves 13 de marzo, o Centro de Día de O Burgo acollerá dúas actividades: a mostra 'As nosas pioneiras' e un concerto do coro do Conservatorio de Música Municipal. Por último, o 27 de marzo, no Centro Ocupacional A Escada, celebrarase un obradoiro baixo o título 'Quen é quen?'.
De maneira paralela, o Concello tamén levará a cabo un estudo sobre 'Perspectivas de xénero na adolescencia' como parte do Plan Estratéxico Municipal de Oportunidades entre Mulleres e Homes, outra das iniciativas do 8M.