O Concello de Culleredo coincide coa ANPA do Conservatorio na necesidade de melloras

O Concello de Culleredo reivindica e coincide plenamente coa ANPA do Conservatorio na necesidade de realizar melloras nas instalacións do centro. Os técnicos municipais son coñecedores da situación e traballan na adopción de solucións coa intención de executalas canto antes.
No que respecta á calefacción, indican desde o Goberno local, que se avariou o mes pasado, o departamento municipal de Obras contactou de inmediato coa empresa de mantemento, que concluíu que era preciso cambiar unha bomba. A peza foi solicitada, xa que non estaba en stock. Despois de varias semanas de espera, chegou no día de hoxe, polo que poderá ser instalada de inmediato.
En canto ás filtracións, o centro padece un problema que se agravou nos últimos días e que é preciso abordar cunha actuación integral. Así que mellore o tempo, os técnicos poderán subir ao tellado para avaliar a situación actual tras os temporais destes días.
Mediante unha asistencia técnica estase a realizar un estudo sobre as necesidades para esa intervención integral, que será incluída polo goberno local nos orzamentos deste exercicio, o cal requirirá o apoio da oposición no pleno. Mentres tanto, o Concello procedeu ao selado de ventás co fin de reducir as filtracións. Así mesmo, o Concello está levando a cabo labores de desratización no centro, que se atopa nunha zona verde xunto ao río, polo que é preciso ampliar as medidas.
O Concello de Culleredo é o primeiro interesado en que o Conservatorio dispoña das mellores condicións, dado que é unha iniciativa propia, creada para favorecer o acceso da veciñanza á docencia musical.
Sinalan que o centro funciona case ao 100 % con fondos municipais. Só dispón dunha pequena axuda da Deputación, mentres que, reivindican, a Xunta de Galicia, a pesar de ser a administración competente na materia, nin o asume nin colabora na súa financiación. Ademais, desde este curso, o Conservatorio é gratuíto para os veciños tras a eliminación do prezo público da ensinanza por parte do goberno municipal.
O grupo de goberno coincide coas declaracións realizadas polo BNG, como xa manifestou publicamente, e insta a Xunta a asumir o Conservatorio de Culleredo, dado que é a súa competencia. A Concellería de Educación lamenta as deficiencias detectadas no centro e agarda que se poidan solucionar no prazo máis breve posible.